11.11.19

Carreira solidaria

         Hoxe, todo o colexio, xunto cos demais centros educativos do concello de Cambados, participamos nunha carreira solidaria para recadar fondos para GALICIAME, unha organización que traballa polas persoas que padecen Atrofia Muscular Espiñal, como a nosa querida Merchi.
        Saímos do centro cara o pazo de Montesacro, onde os organizadores (profesorado e alumnado do IES Salesianos) nos fixo entrega dun dorsal a cada un dos participantes. Logo, unhas animadas monitoras, dende a escalinata de Santo Tomé, amenizaron un moi entretido tempo de quecemento a ritmo de zumba. Xa preparados deu comezo a carreira cos nenos e nenas de 1º e 2º dos distintos colexios. Dez minutos despois foi a quenda de terceiro e cuarto e logo seguiron os demais cursos. Fixemos o percorrido polo paseo marítimo, a rúa Príncipe e chegamos, logo de percorrer 1.300 metros, á praza de Fefiñáns. Polo percorrido recibimos as felicitacións e moitas nais, pais e avoas que nos animaron a seguir. Xa na praza fomos agasallados cunha peza de froita e un botellín de auga. Cando chegaron todos os corredores camiñamos ata o pavillón do Pombal. Alí escoitamos a Pedro Nimo, campeón de España de atletismo e a Merchi e, con moita ilusión, estivemos pendentes dos sorteos de moitos agasallos que se repartiron por categorías (alevíns, benxamíns, xuvenís ...) e que doaron diversas librerías, tendas de deporte, xogueterías e outros establecementos de Cambados e incluso da Illa de Arousa e Santiago.
              Foi un día moi emocionante. O máis importante foi estarmos todos xunto e colaborar nunha moi boa causa para que poida seguir a investigación que lle permita a Merchi e a todas as persoas que padecen AME volver a recuperar a esperanza e a solución a tanto padecer.